Lugonovo denuncia o aspecto de “selva” da Estrada Vella de Santiago

Lugonovo denuncia o aspecto de “selva” que presenta a Estrada Vella de Santiago. Para o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha esta vía “é o reflexo do descoido absoluto, con matogueiras que compiten en altura cos postes da luz e se apropian, literalmente, da metade da beirarrúa”. “Podería ser perfectamente unha selva pero vén sendo a Estrada Vella de Santiago”, ironiza Rocha.

Dende a formación denuncian que dende que a estrada pasou a ser titularidade local no ano 2010 se produciu o que cualifican como “desmadre vexetal”. “Dá a impresión de que non se limpou dende que foi recepcionada polo Concello hai seis anos, e este non é o único espazo de Lugo no que se aprecia tal problemática, a avenida Duquesa de Lugo e mesmo o barrio de Fingoi parecen auténticas xunglas urbanas”, denuncia Fernández Rocha.

Lugonovo lembra ademais que hai máis dunha semana lle comunicaron ao Concello a situación na que se atopa este punto da capital “e a día de hoxe o único que podemos certificar é que as silvas seguen medrando”. Con todo, para “oficializar “ o requerimento, o concelleiro Iñaki García solicitará o seu desbroce e limpeza na vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com