O Grupo Provincial do Partido Popular pídelle ao deputado de Deportes Pablo Rivera, membro do novo Consello de Administración do Breogán, que explique a situación económica na que a institución recibe ao club. Así mesmo, os populares lucenses ofrecen a súa axuda para sacar adiante un plan de apoio económico que garanta a súa continuidade. Os populares seguen ofrecendo o seu aval incuestionable a un club “que para a provincia é unha verdadeira institución”.
Desde o PP lamentan que o presidente da Deputación “aínda non se pronunciara sobre o apoio e o plan de futuro do organismo provincial ao Breogán”, polo que aproveitan a incorporación do deputado Pablo Rivera ao Consello de Administración para que acheguen a información que corresponde. Con este obxectivo, os populares trasladaranlle ao presidente do ente provincial a solicitude da auditoría e do balance sobre o club para coñecer de primeira man a súa situación.
Neste sentido, a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, considera que “é preciso artellar unha resposta áxil por parte da institución provincial, o que podería traer consigo a implicación económica dun número maior de accionistas”.
Tamén procede, engade, unha valoración sobre a xestión do anterior presidente que despexe as dúbidas que existen sobre o club. “No PP non temos dúbidas sobre o apoio que este club e o resto dos clubs deportivos lucenses deben ter por parte do organismo provincial pola labor que fan pola provincia, pero non queremos que permanezan dúbidas sobre o seu funcionamento anterior. É preciso aclaralas”, apunta.
Ademais, a voceira esíxelle de novo ao BNG que faga balance da súa xestión co club dende o ano 2007, “durante case unha década de goberno á fronte da área de deportes do organismo provincial”. Os populares recordan que o Breogán estivo presidido polos deputados provinciais nacionalistas Antón Bao e Antonio Veiga” e critican “a xestión levada a cabo nesa etapa”. Dende o grupo provincial do PP lamentan tamén a falta de transparencia de Antonio Veiga e censuran o proceso de venda do Breogán “do xeito que se fixo”.