A obra de José Cao Luaces, esquecido debuxante de orixe lucense nado en Cervo en 1862, poderá verse ata o vindeiro 28 de setembro na biblioteca pública da cidade da muralla, no marco dunha exposición promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Cultura– e polo Club de Prensa de Ferrol. O legado do artista está a percorrer Galicia desde o pasado mes de maio para recuperar a obra do que está considerado como o patriarca da caricatura Arxentina, país ao que emigrou cando tiña 25 anos.
“José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina” é o título desta mostra itinerante dedicada a este destacado artista galego escasamente coñecido na súa terra e que se complementa cunha serie de conferencias impartidas polo debuxante e xornalista Siro López.
O legado dun artista excepcional
Este proxecto expositivo sobre Cao Luaces trae ao presente o traballo dun artista que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina. Con este obxectivo, reúne unha ampla selección de caricaturas do artista de Cervo a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes debuxantes da súa época.
Itinerancia da mostra
Logo do seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola sala José Ángel Valente de Ourense, e polo Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, a mostra pode visitarse ata o próximo 28 de setembro na Biblioteca Pública de Lugo.
Unha prolífica traxectoria
Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.