A Deputación de Lugo abrirá mañá o prazo de solicitude de máis de 650 novas prazas do servizo de teleasistencia totalmente gratuítas, dado que o Goberno Provincial decidiu asumir todos os custes desta prestación investindo uns 300.000 euros. Os interesados poden descargar o modelo de solicitude na web da Deputación ou chamando ao teléfono 982-260- 138.
Precisamente esta mañá o presidente da Deputación, Darío Campos e o vicepresidente, Álvaro Santos mantiveron hoxe un encontro cunha veciña de 80 anos que é usuaria do servizo de Teleasistencia da Deputación. Fixérono no domicilio da mesma na capital luguesa, onde comprobaron o funcionamento desta prestación cun simulacro.
O titular provincial destacou que a gratuidade da Teleasistencia da Deputación para os seus usuarios, así como o feito de que é unha prestación pública dirixida a todos os maiores ou persoas que sufran algún tipo de limitación en canto a súa autonomía, “son as dúas claras diferenzas coa Teleasistencia da Xunta, pois o Goberno galego obriga ao seu copago, ao tempo que limita esta prestación a persoas catalogadas como dependentes, deixando fóra a moitas persoas, que necesitan este servizo”.
O Goberno da Deputación introduciu melloras na ordenanza de Teleasistencia, ademais da súa gratuidade, facendo “un servizo máis social e profesional”. O presidente explicou que “é un servizo máis social” porque por primeira vez se incluíron baremos psicosociais e psicosanitarios para a súa concesión. Por exemplo, terase en conta o grao de soidade, a capacidade na toma de decisións ou situación familiar dos demandantes.