O cabeza de lista pola provincia de Lugo do PSdeG-PSOE, Luís Álvarez, o candidato da Comarca, Rodrigo Pavón, acompañados do deputado provincial, Eduardo Vidal Baamonde, realizaron este luns unha visita a queixería As Fontelas na que se comprometeron a traballar para impulsar procesos que dean valor engadido ao proceso de transformación do leite.
Luís Álvarez sinalou que dende o PSdeG-PSOE “traballaremos para recuperar a motivación de vivir no rural e vivir do rural, tanto nunha queixería como nunha explotación gandeira”. Explicou que o proxecto socialista sobre o lácteo baséase en “organizar, definir e apoiar proxectos nos que participen as principais cooperativas e os gandeiros teñan participación directa. Trátase de reforzar grupos sólidos de base galega”, insistiu.
O candidato da Comarca, Rodrigo Pavón, remarcou que en Vilalba hai en funcionamento 11 queixerías con Denominación de Orixe San Simón da Costa, que crean 50 postos de emprego directo. No que se refire a produción, anualmente o queixo San Simón da Costa produce 500.000 unidades, para as que se utiliza 4,5 millóns de litros de leite. “O queixo é un dos sinais de identidade de Vilalba e non podemos deixar que este sector esmoreza, hai que apoiar e impulsar ás queixeiras para contribuír ao seu desenrolo e a súa expansión, e así contribuír tamén a fixar poboación no noso rural”.