Leiceaga promete hemodinámica 24 horas e acabar coa ‘ruta do cancro’

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, comprometeuse hoxe a poñer en marcha “un servizo de hemodinámica as 24 horas en Lugo” e a dar “pasos en firme para rematar coa ruta do cancro, que tanta dor causa”.

Palabras de Leiceaga tras participar nunha xuntanza sectorial de sanidade. “Feijóo está de viaxe falando de España e do País Vasco, pero non ten interese en falar das cuestións que afectan a Galicia ou en facer balance; cumpriu con Montoro, pero non coa sanidade, o emprego ou a dependencia”, asegurou o candidato socialista.

“Reverteremos as privatizacións e facilitaremos o acceso a todos os cidadáns aos servizos sanitarios, recuperando o sistema de atención sanitaria global que tiña Galicia no 2008”, afirmou Leiceaga, que se comprometeu a contratar a 1.500 novos profesionais e a rematar coas listas de espera de máis de seis meses.

En opinión do socialista, “levamos sete anos de paralise e recortes por parte do PP, nin sequera houbo un cumprimento das decisións parlamentarias”, criticando “a apertura a tempo parcial de hemodinámica en Lugo ou a perda de funcións dos hospitais de Burela e Monforte”.

“Os socialistas faremos unha campaña propositiva centrada nos problemas dos cidadáns e a sanidade é unha cuestión fundamental; Feijóo non resolveu os problemas dos galegos nestes anos”, rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com