O Lugo queda eliminado da Copa do Rei

O CD Lugo afrontaba a súa entrada na Copa do Rei, e facíao no Anxo Carro, ante o seu público, e fronte a un rival de altura, o CD Tenerife. O partido arrincaba cun CD Tenerife combativo, que se achegaba en primeiro lugar cun remate cruzado de Amath que levaba o susto ás bancadas locais.

Co paso dos minutos o CD Lugo volvíase máis ambicioso en ataque, máis perigoso con espazos, e máis preciso nas súas chegadas. Os de Luís César facíanse co control do xogo e a iniciativa. Tanto era así, que á enésima tentativa, unha gran apertura de Campillo sobre Leuko, terminaba en pase dende a liña de fondo deste último a Iriome, que remataba con potencia ás mallas para marcar. Primeiro tanto dos locais, e premio ao crecemento experimentado no xogo.

Pero o CD Tenerife non se rendía, e na última fase da primeira metade ía cambiar o partido. Ao fío do descanso, un centro raso de Álex García que Roberto repelía por abaixo, era aproveitado por Germán no corazón da área para rematar a pracer e establecía o empate antes da pausa.

Na segunda metade o equipo local seguía buscando retomar a dianteira no electrónico. Alternaba o equipo ataques por banda, con entradas por carril interior, optimizando a circulación de balón e a combinación veloz entre os seus homes de referencia. O CD Tenerife, pola súa banda, mantiña o mesmo discurso, e buscaba aproveitar os espazos xurdidos tras a liña defensiva rival, con envíos directos aos seus homes de banda, o que lle daba o seu premio cando, transcorrido o primeiro cuarto de hora do segundo tempo, Cristo conectaba un gran disparo dende a frontal, que se coaba pegado á base do pau dereito, adiantando aos visitantes no marcador.

Os de Luís César retomaban a iniciativa en busca dun empate e poñían toda a carne no asador, Entraba  Joselu e Perea para reforzar unha punta de ataque que se antollaba clave na procura do gol. O equipo lograba diversas situacións de perigo, aínda que sen chegar a concretar en tanto.  Non houbo fortuna para o CD Lugo, e co resultado de 1-2 para o CD Tenerife, a aventura do CD Lugo na Copa por esta tempada terminaba aquí.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com