Lara Méndez e Darío Campos apoián A Luís Álvarez na apertura de campaña

Os socialistas de Lugo iniciaron a campaña electoral coa tradicional pega de carteis e trasladando a mensaxe de impedir co seu voto que Lugo volva a ser a provincia olvidada. Así o afirmaron os catro representantes que interviron, o candidato número un e a número dous do PSdeG-PSOE pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez Martínez e Concepción Burgo López, o Presidente da Deputación Provincial, Darío Campos Conde e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López.

Luis Álvarez fixo mención aos asuntos que atinxen a toda a provincia, lamentando que “hoxe en día sigan rematadas e sen abrir dúas residencias para maiores na nosa provincia, que non se finalizaran as conexións co Porto Seco ou que Lugo sexa a única capital galega excluída da Alta Velocidade”, feitos que o candidato achacou “a unha falta de empatía total do Goberno de Feijóo cara os lucenses”.

Concepción Burgo nomeou algúns dos problemas que “aínda temos sen resolver por un goberno que non puxo en marcha políticas públicas para paliar o problema do desemprego, para dar solucións ás familias con menos recursos, aos dependentes, aos parados de longa duración, a unha mocidade que marcha en busca das oportunidades que se lles negaron na súa terra”.

Campos Conde subliñou que “os lucenses queremos deixar de ser cidadáns de segunda e terceira clase, esixindo servizos sanitarios imprescindibles como a hemodinámica 24 horas e a radioterapia para todos”, engadindo que “non se entende que o Partido Popular volva prometer as mesmas cousas que hai oito anos, queremos a Intermodal, estradas dignas que nos comuniquen co resto do país, queremos revivir o sector lácteo, o pesqueiro, o turístico, o comercial, o de servizos; en definitiva, os lucenses queremos que Lugo deixe de ser a provincia castigada, maltratada e esquecida polo Goberno popular de Feijóo”, zanxou, asegurando que nestes comicios abrese unha porta de cara ás oportunidades da man do Partido Socialista.

Pola súa banda, Lara Méndez subscribiu as palabras dos seus compañeiros, pedindo a confianza de todos os veciños e veciñas “para conseguir por fin unha Galicia que garanta a igualdade de oportunidades, que contribúa a consolidar un verdadeiro benestar para todos”, afirmando que “o voto ao PSdeG-PSOE o vindeiro 25 de setembro será determinante para que Lugo conte con máis oportunidades e poña freo a esta cadea de inxustizas que se teñen cometido desde a Xunta de Feijóo”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com