En Marea propón frear o abandono das escolas rurais na montaña lucense

Paula Verao, Víctor Álvarez e Maribel García, candidatos de En Marea pola provincia de Lugo, denunciaron este sábado en Baralla a falta de servizos públicos na montaña lucense.

Paula Verao, criticou que “para Feijóo o modelo das escolas rurais sexa un lastre, xa que realmente ofrece un valor engadido: un ensino de calidade en contacto co propio territorio e a cultura”. Para iso propuxo “frear o abandono de escolas rurais imposto polo Partido Popular e o estrangulamento dos servizos públicos para as xentes da montaña de Lugo.”

Durante o percorrido pola vila, os tres candidatos visitaron varias instalacións municipais inoperantes que supuxeron un importante gasto público no seu momento. Como exemplos máis sonados desta mala xestión, unha gardería que leva pechada dende a súa construcción, fai cinco anos, ou a biblioteca, que leva máis de quince anos sen funcionar. Así, Verao asegurou que “En Marea buscará reorientar a estratexia de fondos públicos para evitar este tipo de situacións”.

Por outra banda, os candidatos denunciaron a falta dunha rede de transporte público, estradas en condicións e servizos sanitarios xa que son estas carencias as que favorecen o abandono da montaña lucense. Neste senso sinalaron que, unha vez no goberno, En Marea apostará por unha xestión xusta que atenda as particularidades e potencialidades da montaña galega e que axude ao seu desenvolvemento con estruturas e servizos baseados na conservación dos recursos naturais, paisaxísticos e culturais.

Verao, Álvarez e García trasladaron á veciñanza a súa vontade de crear a Rede Galega de Patrimonio cun Plan Integral de recuperación, conservación, difusión e accesibilidade do noso Patrimonio Cultural, buscando a habilitación de espazos patrimoniais infrautilizados cun marcado carácter de servizo á cidadanía. En Marea tamén creará unha Rede de Destinos Patrimoniais, para o cal será fundamental a colaboración coa sociedade civil autoorganizada na defensa do Patrimonio.

Asemade e tamén este sábado Víctor Álvarez Árias e Victoria Esteban Riesco, números tres e seis da candidatura de En Marea por Lugo, desprazaronse á montaña lucense para contemplar de primeira man a malla que se fai tódolos anos na localidade de Piornedo. Ao seu paso pola localidade de Quindous, Álvarez e Esteban tiveron un encontro con gandeiros da zona, onde falaron sobre a situación na que se atopa o sector cárnico. Esta visita permitíulles ao candidato e á candidata constatar o descenso demográfico e o baixo relevo xeracional que existe a día de hoxe nas áreas de montaña, derivado principalmente das precarias comunicacións coas que contan as aldeas, a inexistencia de transporte público que permita a mobilidade da xente e as dificultades para acceder a demáis servizos básicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com