A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pediu hoxe no local social de Gondar o voto para os socialistas nas vindeiras eleccións do 25 de setembro para “dar unha resposta nova a Galicia”. No encontro, ao que asistiron uns 40 veciños e veciñas, a rexedora lembrou como “deixa Feijóo Galicia, con menos emprego, menos sanidade pública, menos educación pública, menos igualdade, menos industria, menos política ambiental, menos agricultura e gandería, menos pesca, menos cultura, menos lingua e menos democracia”. Nesta liña, Méndez tamén fixo fincapé nas “débedas incumpridas de Feijóo e do Partido Popular con Lugo, que pasan pola dotación de Hemodinámica 24 horas ao HULA, usos para o Vello Xeral, a Estación Intermodal, a Ronda Leste, o saneamento no rural ou o novo auditorio, entre outros”.
Méndez pediu o apoio dos lucenses para o PSOE e para Leiceaga, “porque ten un modelo de Galicia baseado na igualdade, un proxecto de país sólido, capaz de darlle un futuro á mocidade, de devolver a Galicia a sanidade pública, de recuperar a gratuidade universal dos libros de texto, de non discriminar cidadáns de primeira e de segunda, de garantir igualdade no traballo, de reindustrializar o territorio de devolverlle á política prestixio e compromiso cidadá”.