Luis Villares Naveira (Lugo, 1978) decidiu hai uns meses deixar a súa praza de xuíz para enfróntase ao seu primeiro gran reto a nivel político como candidato á presidencia da Xunta nestas eleccións autonómicas. Encabeza ademais a lista da formación pola provincia de Lugo.
Ten esperanza de poder cambiar as enquisas que prognostican unha maioría do PP e promete, que de non ser quen de facelo quedará na oposición os catro anos e non dará un paso atrás. Villares recibe a chamada de Xornal de Lugo nun impasse da súa frenética axenda de campaña.
A maioría das enquisas anuncian unha nova maioría absoluta do Partido Popular. Hai tempo para reverter esa tendencia?
Somos moi optimistas e nese sentido estamos convencidos de que o único que vai gañar Feijoo van ser as enquisas e cando chegue o día 25 vai levar unha sorpresa maiúscula, xa que nos colocaremos sorpassando ao Partido Popular.
Esta semana tiña lugar a súa primeira cita ante o gran público no debate dos medios públicos. Como se viu vostede? Cre que conseguiu achegar as propostas de En Marea?
Vinme a min mesmo ao principio un pouco nervioso porque era a primeira vez que participaba nun debate televisivo destas características. Como todo o mundo sabe son un recén chegado á política e empezar nisto ten estas cousas.
Nós conseguimos o que pretendíamos que é que a xente vise que candidato popular había. O candidato Feijoo é un candidato sen proxecto para este país, amosou que en 7 anos non foi capaz de resolver os problemas deste país e polo tanto é necesario abrir un tempo novo, no que En Marea vai ter un protagonismo esencial.
Feijóo quedou acurralado pola corrupción, quedou evidenciado na súa coalición con Baltar ao que non puido nin pronunciar para defender do caso de acoso do que está acusado. Viuse acurralado tamén por casos de corrupción e prevaricación no ámbito sanitario ao denegarlle medicamentos a xente que tiña dereito a eles. Polo tanto vimos a un Feijóo absolutamente acabado.
Se Feijóo non logra a maioría todo apunta a que En Marea terá que entenderse co PSdeG e tamén co BNG. Garante que haberá un goberno alternativo?
Se algo se veu nas eleccións anteriores, xerais e municipais, é que non hai maiorias absolutas de ninguén. E ese é o escenario previsible a partir do día 25. Nós cremos que vai ser fácil entenderse con aquelas forzas políticas que estean en contra dos recortes e as políticas antisociais do PP. Estamos seguros de que chegaremos a un entendemento co resto de forzas políticas.
Non hai risco de que pase o que pasou en Madrid onde PSOE e Podemos non conseguiron poñerse de acordo para impulsar un goberno alternativo?
Non. En Marea garante absolutamente un goberno alternativo ás políticas antisociais de Feijóo.
Sobre a provincia de Lugo. Chegará o AVE a Lugo se goberna En Marea?
A prioridade é o establecemento dun sistema ferroviario de cercanías que conecte todas as áreas urbanas metropolitanas e as cabezas de comarca polas que xa pasan ferrocarriles na provincia e que até o momento foron completamente infrautilizadas. É inaceptable que un sistema ferroviario como o noso, que podería conectar perfectamente de forma áxil parte da provincia estea completamente desaproveitado e que teñamos unha RENFE despreocupada dos problemas da provincia.
Cremos que é necesario vertebrar a provincia, e polo tanto todo Lugo centro e todo Lugo sur deberían estar conectados cun tren de cercanías galego que garantimos a partir do día 25. Esa é a nosa prioridade. Non estamos opostos a outras formas de comunicación como a alta velocidade, pero si que para nós vai ser estratéxico establecer un sistema de ferrocarril de cercanías para toda a provincia.
Seguirán adiante co polémico proxecto dun aeródromo en Rozas. Na pasada lexislatura recibiu as críticas de AGE por entender que se estaban usando fondos europeos para un proxecto que tiña usos militares.
Nós continuaremos adiante con ese proxecto tecnolóxico. O que si que no seu momento imos facer é saber cales son os usos que se lle dan aos centros de investigación. Nós reafirmámonos en que é neceario saber se é civil ou militar, pero máis alá diso, se hai un investimento garantido, garantimos a continuidade do investimento e polo tanto a viabilidade do proxecto. Temos unha política de carteira industrial vinculada aos investimentos que xa están comprometidos.
Que facer para solventar a crise de prezos do leite. Concorda coas medidas impulsadas pola Unión Europea para fomentar a reducción de produción?
Esa é a solución para deixar morrer o medio rural galego. Somos contrarios a iso. Necesitamos revitalizar o sector primario. No noso programa levamos propostas e apostas por este sector e apostamos por unha industria de transformación láctea promovida e financiada polo Igape e un proceso industrial de tansformación do leite. O que deixa mais cartos non é envasar o leite, é transformalo en queixos, en iogures. E a pesar de que en Galicia se produce máis do 40% do leite de todo estado se transforma menos do 10% e queremos que isto cambie e cremos que o Goberno galego debera ocuparse diso.
Por iso a nosa aposta é por un modelo produtivo, non subvencionado. O modelo da Unión Europea supón a desaparición de explotacions e negarlle o futuro ás xente que viven no rural de lugo e para nós é inaceptable.
Como se pode frear o despoboamento no rural?
Non se trata tanto de facer que a xente se vaia a vivir ao rural como que a xente que vive no rural teña oportunidades para seguir alí. Apostamos pola comarcalización do país, dotar o país desas unidades que son as comarcas e que estean dotadas plenamente de servizos básicos, de carácer asistencial, educativo e sanitario para que toda a poboación teña eses servizos garantidos a unha distancia razoable para que no se teñan que ir.
A comarcalizacion do ámbito rural é a saída para investir con intelixencia. Até o de agora vimos que había gobernos que investían en función de se había concellos amigos que lles votaban ou non. Nós queremos desbotar esa concepción cativa da organización territorial.
Cre que lle pasará factura nas urnas a En Marea o rebumbio xerado na súa constitución, a integración de Podemos…
En Marea é un proceso de unidade popular no que sumamos xa once mil persoas a titulo individual. Sumamos e sumamos porque cremos que é necesario, e canto máis sumamos máis xente somos, e nese sentido ese rebumbio non foi máis que democracia interna.
Se miramos a Ourense vemos que hai unha dinastía que é a dinastía Baltar onde non existe ningún tipo de democracia interna porque se pasa de pais a fillos. Nós somos amigos da democracia interna que é unha forma de dar exemplo para toda a sociedade.
Se non finalmente o 25 de setembro as urnas din que En Marea ten que estar na oposición. Esgotará a lexislatura como deputado no Parlamento de Galicia ou dará un paso atrás?
Eu estou comprometido con este país e co proxecto de En Marea. Espero que sexa gobernando, pero se non fose gobernando o meu proxecto co país segue, porque serei escollido para representar á cidadanía de Galicia e á provincia de Lugo, e ese compromiso dura toda a lexislatura, faltaría máis.