Lugonovo alerta do deterioramento da instalación deportiva das Pedreiras

Lugonovo alerta do mal estado no que se atopan as instalacións deportivas das Pedreiras. O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha destaca, entre as denuncias dos clubs, a falta de limpeza na pista sintética, onde o musgo que se acumula provoca esvaramentos, a necesidade de desatascar o foso da ría que se enche de porcallada porque non desauga así como a reparación do teito do ximnasio que caeu debido ás filtracións.

“Existe un malestar moi fondo entre os deportistas que fan uso deste espazo pola escasa atención que lle presta o executivo. Non son reivindicacións menores. Estamos a falar dunha infraestrutura básica para o desenvolvemento da práctica deportiva local, que supuxo un grande investimento e que goza de moita demanda entre a cidadanía”, resume Rocha.

Lugonovo denuncia ademais que o corredor de lanzamento de xavelina perdeu a adherencia, o círculo de lanzamento de peso asolágase con frecuencia e dous dos catro fosos de lonxitude atópanse invadidos pola vexetación. “Hai moitas goteiras e precisa de reposición de material. As malas herbas cubren os accesos ó estadio e o perímetro da pista inutilizándoo, e a dobre parede da gaiola de lanzamentos ten tantos buratos que parece un coador, co risco que iso supón”, sinala o voceiro da formación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com