En Marea mantivo esta tarde un encontro coa veciñanza de Viveiro no Teatro Pastor Díaz no que estiveron presentes o candidato á presidencia da Xunta de Galicia e cabeza de lista por Lugo, Luís Villares, a número 2, Paula Verao, o número 7, Bernardo Fraga, o número 9, Marcos Besada, e a deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz. “Feijóo xa non di nada, hoxe tivemos hoxe un debate na cadena Ser ao que non veu mandou ao seu escudeiro Pedro Puy. Tiñamos o silencio dos cordeiros e agora temos o silencio dos peperos, o mesmo silencio que impón nos medios públicos e que impón na vida política galega“ denunciou Luís Villares.
“O señor candidato do Partido Popular afirmaba esta mañá que non podía dar as eleccións nin por perdidas nin por gañadas. Pois ben, nós imos a axudarlle a decidirse: ten perdidas as eleccións, señor Feijóo“ afirmou Villares. “Vostede perdeu as eleccións cando preferiu cadrar o déficit a salvar vidas. Perdeunas cando puxo a sanidade pública en venda. Perdeunas cando desoíu á xente que quedaba sen casa. Perdeunas por impasíbel e cruel. Vostede, señor Feijóo, foi un presidente cruel coa maioría“ explicou o candidato de En Marea.
O candidato á presidencia de En Marea comprometeuse con deter o “exterminio industrial do PP“. “Nós queremos un país que non nos expulse. Un país onde sexa posíbel unha vida digna. Tomaremos en serio a política industrial porque tomamos en serio o futuro deste país“ salientou.