Gran partido do Club Deportivo Lugo en terras ilicitanas nun encontro no que ambos equipos se repartían as ocasións. Nada máis comezar O Elche CF estivo a piques de marcar, nunha oportunidade de Guillermo desactivada por un gran José Juan en saída rápida; e os de Luís César en idéntica situación, grazas á aproximación de Joselu a centro cruzado de Iriome. A primeira vantaxe da tarde, chegaba nun centro raso que tras tocar en Pelegrín, coábase na meta local. Co 0-1 no marcador os de Luís César vían recompensada a súa mellor aposta por alcanzar posicións de remate con eficacia e velocidade.
O control seguía do lado visitante, e as mellores ocasións sucedíanse en botas dun CD Lugo cada vez máis cómodo no partido. Tras varios intentos, en ocasións de Pedraza e Iriome, chegaría un novo gol nunha xogada entre Pedraza e Campillo por carrís interiores que concluía en remate raso e axustado do madrileño, facendo inútil a estirada dun Juan Carlos impotente ante o vendaval de xogo rival. A primeira parte remataba cun 0-2 no marcador e cun CD Lugo mostrándose superior ao contrario en todas as facetas do xogo.
A segunda metade comezaba cunha presión alta e manexo do balón para o CD Lugo, na procura do espazo en poucos toques para o rival. O equipo amurallado dominaba a iniciativa no xogo, e orde defensiva, sen renunciar ao ataque, nas arrancadas de Iriome, Pedraza e Joselu.
Pola contra o Elche CF seguía intentando achegarse no marcador, e tiñan unha clara oportunidade nun remate de Fervías que Jose Juan sacaba con seguridade.
O ingreso de Perea, Sergio Gil e Igor Martínez ía supoñer un novo sopro de aire fresco para o equipo, cando, tras saque de esquina envelenado de Campillo, aparecía a cabeza do punta, Igor Martínez, para facer o terceiro e pechar un partido de superioridade, e demostrada eficacia para os de Luís César, que daban así carpetazo ao choque desta tarde.