A alcaldesa de Lugo acusou esta mañá ao Partido Popular de aproveitar as eleccións do 25 de setembro para “facer oportunismo”, logo de que esta mañá os populares anunciasen que pedirán a comparecencia en pleno da concelleira de Cultura, Carmen Basadre, para que explique polo miúdo o proceso de adxudicación das casetas do polbo e a modificación nas súas bases.
Segundo o voceiro da formación, Jaime Castiñeira, ditas bases foron modificadas para “favorecer a especulación”. A este respecto a alcaldesa Lara Méndez respostáballe engadindo que “quen está especulando é o PP”.
“O Partido popular se quere ver fantasmas ou quere aproveitar a cita electoral para facer oportunismo como fai normalmente é o seu problema, nós nin a compartimos nin imos ser cómplices. Xa verán como a partir do día 26 ao PP xa non lle importa a posible especulación. Que está especulando é o Partido Popular”, concluía a rexedora.
Méndez volveu defender o proceso de adxudicación das casetas, que cualificou como proceso “regulado e aberto” e sinala que dende o Concello “xa demos todas as explicacións” sobre esta polémica.