Lugonovo levará ao vindeiro Pleno un rogo para que o executivo acometa canto antes o repintado dos pasos de peóns das rúas Tui e Poeta Cabanillas. Dende a formación salientan que os pasos de cebra nestes dous puntos se atopan en tan mal estado que resultan “case imperceptibles” para viandantes e condutores, provocando perigo de accidentes.
O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha denuncia a “excesiva lentitude” coa que a administración local está a resolver as deficiencias nos barrios “o que traslada á cidadanía unha imaxe de desinterese e desorganización”.
“Non entendemos como deixaron pasar o tempo seco de verán para resolver esta cuestión, unha obra mínima, que non precisa de excesivos trámites pero moi importante para mellorar a seguridade viaria destes puntos onde a sinalización agora mesmo é invisible . Igual agardan a ter que lamentar outro accidente para proceder”.
Ademais, Lugonovo proporá na sesión do vindeiro xoves a elaboración dun estudo sobre a viabilidade de crear novas prazas de aparcadoiro en batería nas rúas O Vicedo e Frei Plácido Rei Lemos, próximas ao Parque Rosalía de Castro.
“Cremos que a nosa iniciativa non suporá un elevado custo para as arcas municipais que se pode acometer con axilidade e que soluciona unha problemática que se reproduce cada día durante o curso escolar: a de ducias de vehículos parados en dobre fila ás portas dun centro educativo e os atascos que esta manobra provoca”, conclúe Fernández Rocha.