O Concello informa de que mañá, mércores 21 de setembro, os autobuses urbanos serán gratuítos para todos os pasaxeiros durante todo o día, unha medida coa que se trata de contribuír a fomentar o uso do transporte público colectivo, coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade.
Neste sentido, o Goberno Local pretende concienciar a cidadanía da importancia dunha mobilidade e medios de transporte máis sostibles e respectuosos co medio ambiente. Ademais o Concello aposta pola implantación de actuacións para humanizar a cidade, facéndoa máis habitable e cómoda para a cidadanía.
Esta actuación súmase a outras que está a realizar a entidade local, como a instalación de preto de sesenta prazas gratuítas de aparcamento para estacionar bicicletas en varios puntos do casco histórico da cidade, nas que se invisten uns 10.000 euros.