O PP pide a retirada dos parquímetros da ORA

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, solicitou esta mañá en rolda de prensa a retirada dos parquímetros da ORA. O popular criticou a “deficiente sinalización da suspensión da zona azul”, circunstancia que está a provocar “numerosas confusións entre os condutores, tanto de Lugo como de fóra”.

Nesa liña, Castiñeira explicou que á comisión de reclamacións e suxestións chegou a queixa dun veciño de Barcelona que asegura sentirse “timado” pola cidade de Lugo logo de que unha máquina do entorno da estación de autobuses, non precintada “e sen ningunha información de estar inoperativa”, lle tragara a súa tarxeta de crédito, documento que non puido recuperar. No seu escrito, o afectado expón que “no resto da viaxe tivemos que ir tirando do efectivo que tiñamos e rogando aos hoteis que confiaran en que lles faríamos unha transferencia ao chegar a Barcelona”.

Castiñeira afirmou que “é ben triste que a primeira imaxe que Lugo lles ofrece aos turistas sexa esa”, ao tempo que criticou que “case un mes despois dos feitos, ninguén do Concello se puxera en contacto con este particular para, cando menos, pedirlle desculpas”, dado que, en conversa telefónica co voceiro popular, este visitante aclarou que “ninguén dera a cara por esta situación”.

Ante esta situación, Jaime Castiñeira avogou pola retirada “polo menos temporal” das máquinas, “que non teñen ningunha función e que o único que están a facer é ocupar espazo público e, o que é máis grave, inducir á confusión”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com