Pepe Viyuela e o grupo Pinchacarneiro actuarán este sábado no I Festival Inclusivo, que terá lugar o próximo 24 de setembro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Instituto Politécnico. Toda a recadación das entradas, cun donativo de sete euros, irán destinadas integramente á Fundación Anade.
A delegada en Lugo da Fundación Anade, Ángeles Fernández, convidou a toda a cidadanía a asistir a este festival e a colaborar, “implicando a toda a sociedade neste proxecto, para dar a coñecer o importante labor que se realiza dende Anade e dende o grupo Pinchacarneiro, xa que é unha forma de integrar ás persoas que padecen algunha discapacidade intelectual”.
Ademais, a concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Ana González Abelleira destacou “a importancia destas iniciativas solidarias e o traballo realizado pola Fundación Anade a prol da inclusión das persoas con discapacidade intelectual”, destacando as colaboracións de importantes actores, como Pepe Viyuela, “para buscar unha sociedade totalmente inclusiva, igualitaria e xusta, algo que buscamos dende o Concello xunto coas asociacións sociais”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, subliñou que “apoiamos este tipo de iniciativas que axudan a concienciación e visibilidade deste colectivo, pero somos conscientes de que as administracións teñen que implicarse moito máis. Por iso, dende a Deputación acabamos de aprobar un novo plan de emprego onde subvencionamos o 100% dos contratos no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes”.