A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, xunto coas concelleiras de Moaña, San Sadurniño e Verín, María Ortega, Ana Breijo e Emilia Basalo, respectivamente, viaxaron o día 25 de setembro a Mozambique para participar nun encontro da Rede de Mulleres Autarcas, integrada por edís e alcaldesas do país lusófono. Con elas, intercambian experiencias para impulsar a participación das mulleres na política local e as políticas municipais a prol da igualdade.
Nesta xornada, a delegación de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, acompañada por unha técnica desta entidade e unha voluntaria do programa Vacacións de Traballo, achegouse ao municipio de Mandlazaki da man da súa alcaldesa e presidenta da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, María Elena Correia.
As concelleiras galegas exporán as dificultades que se atopan, así como as políticas e as ferramentas para superalas, ademais do papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero. Estas edís resultaron seleccionadas no proceso aberto para sumarse a esta iniciativa, que tamén as levará a visitar o proxecto a prol da saúde infantil e materna, que a Fundación Encontro vén de concluír na provincia de Maputo co apoio do Fondo Galego.