O pleno do Concello de Lugo aprobou esta mañá cos votos do PSOE, Lugonovo e dun concelleiro de Ciudadanos a modificación das funcións da recén nomeada Directora Xeral de persoal.
Trátase dunha resolución presentada polo Goberno local que chega logo de que se estimasen parcialmente os recursos presentados polo sindicato CIG e a xefa do servizo de persoal nos que advertían de que as funcións deste novo cargo, designado hai uns meses, podería invadir e duplicar competencias doutros departamentos.
O debate desta resolución rescatou a polémica da creación desta nova figura. Dende o PP alertan de que a creación deste posto tivo como obxectivo “designar a un cargo político a dedo para suplantar funcións propias dos empregados públicos”. Pola súa banda, o voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, apuntou que esta medida supón “aplicar criterios da empresa privada á administración pública”.
Pola súa banda, dende o Goberno local e dende Lugonovo insisten na necesidade da creación desta figura para poñer orde nos recursos humanos do Concello. A alcaldesa, Lara Méndez, engadiu que mediante a aprobación desta resolución non se aproba un cambio de funcións, senón que se adaptan as competencias para evitar solapamentos.