O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez, presidiu esta mañá o acto institucional con motivo da festividade dos Anxos Custodios, patróns da Policía Nacional, no que eloxiou o traballo “imprescindible” dos axentes como garantes dunha “convivencia harmónica” que ten contribuído “de xeito decisivo a facer de España un gran país, cunha das democracias máis seguras do mundo”.
Ao acto, que se celebrou no salón de actos de Afundación, asistiron o comisario xefe provincial, Manuel Teijeiro; o comisario xefe de Operacións, Antonio Villamarín; o xefe interino da Comandancia da Garda Civil, o coronel Miguel Ángel González Arias; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o xefe territorial da delegación de Presidencia da Xunta, José Manuel Rozas; a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto; o presidente da Audiencia Provincial, José Antonio Varela Agrelo; o fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes; e o subdelegado de Defensa, Carlos Boado, entre outros.
UN CORPO ADAPTADO AOS TEMPOS
O subdelegado do Goberno salientou no seu discurso o “bo servizo, sacrificio e dedicación” que os axentes da Policía Nacional demostran día a día nas súas actuacións para cumprir coa “nada doada encomenda de protexer os nosos dereitos e liberdades, e asegurar a integridade dos nosos fogares”. Valorou ademais a capacidade da policía para adaptarse aos tempos e dar resposta aos novos retos e ameazas que van xurdindo: “É o caso do terrorismo internacional, que se ten convertido nunha ameaza global que traspasa as fronteiras de Estados e rexións. Ou o caso tamén da ciberdelincuencia, o narcotráfico e a violencia de xénero; gravísimas manifestacións da criminalidade que veñen enlodar a nosa convivencia democrática, pero que atopan no noso país un territorio hostil, grazas á profesionalidade e á resposta integral, especializada e cada vez máis coordinada que atopan por parte dos corpos policiais”.
Ramón Carballo subliñou tamén neste senso a importancia da cooperación existente entre os efectivos da Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais, ademais de agradecer a “activa colaboración” da cidadanía coas forzas de seguridade, que favorece intervencións máis áxiles e contribúen a previr e resolver certos delitos.
RECOÑECEMENTO SOCIAL
Antes de rematar a súa intervención, Carballo aproveitou para agradecer aos axentes da Policía Nacional, dun xeito especial aos destinados en calquera das unidades, departamentos e sección das comisarías de Lugo, Monforte e Viveiro, a súa labor e para animalos a non baixar o “nivel de esixencia”, que os sitúa ano tras ano “como unha das institucións máis queridas pola sociedade”, segundo reflexan as enquisas do CIS.
O subdelegado referiuse ademais á “inxección de efectivos” que notará a Policía Nacional, trala recente convocatoria de oposición libre para a Escala Básica do Corpo.
CONDECORACIÓNS
No transcurso do acto institucional, procedeuse á entrega de dez Cruces ao Mérito Policial con distintivo branco. Os galardoados son sete axentes da Policía Nacional, dous da Unidade Adscrita á Xunta de Galicia e o xefe interino da Comandancia da Garda Civil en Lugo:
Gerardo Pérez Lenza, Inspector. Comisaría Provincial Lugo; Sonia Aparicio Vidales Inspectora, Comisaría Provincial Lugo; Hugo Saavedra Díaz, Inspector Comisaría Provincial Lugo; Diego Fernández Fernández, Oficial Comisaría Provincial Lugo; Juan Luis Pampín Ramos, Policía. Comisaría Provincial Lugo; Francisco Javier Díaz Teijeiro, Policía. Comisaría Provincial Lugo; Xosué Varela Redondo, Policía. Comisaría Provincial Lugo; Pablo Raposo Celeiro, Policía. Unidade Adscrita á Xunta en Lugo; Manuel Fernández Martínez, Policía. Unidade Adscrita á Xunta en Lugo; Miguel Ángel González Arias, Coronel. Xefe interino da Comandancia da Garda Civil en Lugo.
De igual xeito, nos actos celebrados nas comisarías locais de Monforte e Viveiro, foron galardoados coas Cruces ao Mérito Policial con distintivo branco: María Jesús Rodríguez Martínez, Subinspectora. Comisaría Monforte; Constantino Calleja García, Policía. Comisaría Monforte; Enrique Cabanela Domínguez, Policía. Comisaría Viveiro; Cristina Devesa López, Policía. Comisaría Viveiro.