O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a parlamentaria electa por Lugo, Olalla Rodil, trasladarán ao Concello de Lugo e á Xunta de Galiza unha proposta para que se aproveiten as obras que se están a levar a cabo no IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (antigo feminino) para proceder á retirada dos escudos que manteñen a simboloxía franquista nas entradas do edificio. “Coa retirada destes elementos da fachada do centro de ensino dáraselle cumprimento á Lei de Memoría Histórica”, destacou Rubén Arroxo.
“Entendemos que esta é unha boa oportunidade para eliminar outro vestixio máis da ditadura que aínda permanece na nosa cidade”, afirmou Arroxo e sinalou que “se hai vontade política pódense axilizar os permisos necesarios e negociar coa empresa para que se proceda a retirar os escudos fascistas do edificio”. Arroxo lembrou que “o BNG leva presentado numerosas iniciativas para reclamar a retirada da simboloxía franquista” e engadiu que “foi grazas á iniciativa do BNG e á presión social que xa se cambiaron, neste concello, os nomes franquistas das rúas”
Pola súa banda, a parlamentaria do BNG electa pola circunscrición de Lugo, dixo que “dende o Parlamento transladaremos á Xunta de Galiza unha proposta para que a Consellería de Educación aproveite este momento para proceder á retirada desta simboloxía”. Rodil sinalou que “despois das numerosas peticións que se fixeron, en diferentes administracións e dende diferentes colectivos, o normal sería que a Consellería xa tivera prevista esta actuación de motu propio”.
“Unha obra que foi licitada en máis de 212.000 euros pode contemplar, perfectamente, a retirada dos escudos franquistas”, engadiu Arroxo e explicou que “a pesares de que a obra se contratou para a renovación da cuberta do edificio, a Consellería ten mecanismos para contratar neste momento as obras necesarias para a retirada dos escudos e poderiase aproveitar a andamiaxe que esta instalada no edificio”.