Méndez ve necesario converter o Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización

A alcaldesa de Lugo cre que é “unha necesidade” converter o Cuartel de San Fernando no Museo da Romanización de Galicia, polo que suporía para o desenvolvemento cultural e turístico dunha cidade “que cree que o turismo xoga un papel fundamental”. Así o manifestou a rexedora esta mañá na inauguración da xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando.

Méndez lembrou as obras que o Concello está realizando no cuartel, “para protexer este patrimonio e para asegurar a súa conservación e que non se dane a súa estrutura”, tras asinar un convenio coa Xunta de Galicia duns 190.000 euros, cofinanciados nun 50% polas dúas institucións. Nesta liña, a alcaldesa fixo fincapé na existencia dun protocolo de actuación entre a entidade local e a autonómica, asinado no 2008, para o seu desenvolvemento, “que aínda non se levou a cabo, pero ao que non podemos renunciar”, posto que as inversións se poden facer por etapas, dedicandopartidas anuais á súa rehabilitación.

Así mesmo, manifestou o deber moral de todas e cada unha das administracións,“aínda que unhas teñan máis responsabilidades que outras, polo que cada ten que asumir a parte que lle corresponde”, de protexer, conservar e pór en valor o patrimonio, como neste caso este edificio emblemático da cidade, que naceu no século XVIII como hospital de inválidos, e que no 2009 pasaba a ser declarado como Ben de Interese Cultural, “polo que non só é patrimonio da cidade de Lugo, senón que a Xunta de Galicia pasa a ter competencias no seu mantemento e conservación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com