Lugonovo pide instalar barreiras físicas que obriguen a respectar o carril bus. O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha, denuncia que este carril actualmente “é un carril pantasma, un mero adorno na vía, ignorado e infrautilizado para a súa fin”. A este respecto, Rocha apunta que os condutores estacionan no carril en contra da normativa “coa tranquilidade de saber que non terá repercusión”.
O voceiro da formación atribúe esta lasitude a ausencia de control policial ou a conivencia coa irregularidade. “Este tipo de dotacións tiñan que estar ao servizo do transporte público e de emerxencias para axilizar a mobilidade urbana e alixeirar o tráfico. Non é un aparcadoiro ó uso para os recados momentáneos”, rexeita Fernández Rocha.
Neste sentido, os concelleiros do Grupo Municipal consideran contraditorio que dende o executivo local se manteña un discurso a favor dos medios de locomoción públicos pero non se faga ningún esforzo para protexer as infraestruturas que os convirten nunha ferramenta de utilidade para a cidadanía.
“A ocupación deste carril por vehículos que non son propios dificulta e enlentece a circulación, demora a chegada ás paradas e retrasa os tempos dos percorridos. Por non falar de que un bus ocupado ao 100% alivia o espazo que ocuparían 60 turismos, co cal non nos parece xusto que os seus usuarios sufran as conxestións na mesma medida que os dos coches privados”, destaca Fernández Rocha.
“O desexable sería que se instalasen barreiras físicas que evitasen de forma eficaz o acoso dos automóviles e os obrigase a respectar a sinalización”, matiza o portavoz, quen tamén se refire á necesidade urxente de modificar a ordenanza reguladora para mellorar a xestión e o control da carga e descarga na zona centro así como de establecer un plan alternativo e viable á situación actual que resulta bastante caótica e provoca moito malestar entre a veciñanza”, engade.