Lugonovo pide unha comisión plenaria para controlar as contratacións municipais

Lugonovo solicita a creación dunha comisión plenaria para controlar as contratacións municipais. Segundo o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha hai exemplos de licitacións “cando menos cuestionables” que evidencian a necesidade de crear este organismo para vixilar que todos os procedementos deste tipo se desenvolven con obxectividade, publicidade e transparencia. Como exemplo, Rocha pon a adxudicación das casetas do polbo, o convenio para publicar a revista do San Froilán ou a instalación das pistas de xeo o pasado Nadal.

Para a formación as concesións constitúen “unha parte moi importante da actividade dunha administración local” e son “transcendentais” para as arcas dos concellos. “Por iso consideramos imprescindible a constitución dun organismo que permaneza alerta de cómo o equipo de goberno xestiona esta materia”, explica o voceiro de Lugonovo.

A iniciativa trasladarase ao Pleno nunha proposición que os concelleiros de Lugonovo agardan que sexa máis eficaz que a presentada hai xusto un ano, cando o Grupo Municipal conseguiu a unanimidade da Corporación para, precisamente, supervisar a calidade coa que se prestaban os servizos externalizados. “Un acordo do que, doce meses despois, nada se sabe e nada se comunicou á oposición porque, entendemos, nada se fixo”, denuncia Fernández Rocha.

Así mesmo, os edís de Lugonovo queren que no seo deste novo órgano se poida requerir a documentación relativa aos distintos expedientes para analizala e avaliala e que nel comparezan os funcionarios, traballadores e mesmo, se procede, os técnicos ou axentes sociais e laborais afectados para informar do que acontece en cada caso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com