Unha axenda feita por alumnos reúne as biografías das mulleres do rueiro lucense

O Vicepresidente e Deputado de Igualdade, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, entregaron este mércores 500 axendas pola igualdade elaboradas e editadas polos estudantes do I.E.S Anxel Fole coa colaboración de Deputación e Concello de Lugo. Nela recóllese unha pequena biografía das mulleres que compoñen o rueiro da cidade da muralla para dar a coñecer este perfís entre os máis novos.

Grazas a esta iniciativa, centos de mozos e mozas poderán coñecer de preto a importancia da figura da muller no transcorrer da historia do país. Entre as mulleres que se recoñecen nesta publicación destacan Sofía Casanova, escritora e a primeira xornalista de guerra; Paz Parada Pumar, a primeira muller médico inscrita no colexio de médicos; Olimpia Valencia, a primeira muller en licenciarse en medicina en Galicia; María Castaña, que encabezou unha das revoltas contra os altos impostos que o bispo de Lugo cobraba ao pobo; Concepción Arenal, unha das escritoras e feministas máis importantes do S.XX; Enriqueta Otero, mestra antifranquista condenada a case 20 anos de cárcere; ou Concepción Saiz Otero, sempre comprometida pola integración da muller na sociedade en condicións de igualdade co home; entre outras.

Álvaro Santos subliñou que “a través desta axenda, fomentamos e reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos visibilidade a este problema”. O vicepresidente recalcou que “grazas ao compromiso dos mozos e mozas do Anxel Fole, dáse a coñecer a vida e obra de ducias de mulleres que participaron ou participan activamente no devir da historia non só da provincia, senón de todo o país”.

Lara Méndez enxalzou o traballo realizado polos alumnos e alumnas que deseñaron esta Axenda pola Igualdade, ao tempo que fixo fincapé na importancia da educación para conseguir a tan necesaria igualdade real e efectiva en todos os ámbitos. Así mesmo, quixo lembrar á vintena de mulleres, ás que máis que merecidamente se lles deu nome nas diferentes rúas de Lugo e ás que se lles rende homenaxe nesta axenda, polo traballo que realizaron para conseguir avances sociais en materia de igualdade.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com