Lugo agarda o Museo Galego da Romanización

Paso tódolos días un par de veces pola beira do Cuartel de San Fernando, e por iso son testemuña directa do seu envellecemento acelerado, da súa ruína, sorprendéndome as recentes medidas de tirar os pendellos situados na parte posterior que non protexían senón disimulaban as monumentais proporcións deste edificio que naceu para Hospital de inválidos, foi Cuartel do Exército, tentouse que fóra auditorio e, agora, despois de deixalo arruinarse, pídese con toda xustiza que sexa o Museo da Romanización de Galicia que Lugo agarda e merece.

Ninguén, en plenitude de facultades, deixa esmorecer un edificio así. Un particular que deixa de utilizar un inmoble, nunca o deixará arruinarse senón que procurará obter del unha xusta rendibilidade. Un empresario que deixe de utilizar un local, buscará unha pronta venda ou aluguer para ter un beneficio en lugar dunha carga. Pero as institucións, palacios con contidos que por principio van despacio, tómanse tempo para saber que fan cun edificio porque as perdas que se produzan cárganse no patrimonio común. Ilóxico, inxusto, inadmisible… pero real, como ocorre co antigo Hospital Xeral, como ocorre co Cuartel de San Fernando.

E velaquí que hai un importante movemento cidadán, impulsado por Lugo Patrimonio, entidade que preside Adolfo de Abel Vilela, que busca un pleno nesta partida entre Lugo e as institucións que está en tempo morto, para darlle utilidade nobre a un edificio emblemático, tentando conseguir para Lugo o ansiado –e prometido- Museo da Romanización, para que Lugo poida mostrarlle ao mundo a Roma oculta no sochán que vai aparecendo diante de nós cunha brillantez extraordinaria.

En tempos planificáronse para Galicia catro museos… Para Lugo, lóxico, o da Romanización. Pero a maldita crise afogou o proxecto. Agora pídese para San Fernando un destino xusto e nobre, que se refrendou días pasados na Deputación con razóns técnicas, históricas, sociais e económicas, diante da Alcaldesa e a Deputada de Cultura. Ao mellor os tempos deste Museo poden ser chegados. Haberá que insistir, sen deixar que o tema se esqueza. Por iso, este comentario. Para recordar a todos, tamén a min, que temos dereito a un Museo da Romanización, e que este debe situarse no antigo Cuartel de San Fernando.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com