A Xunta habilitará 162 puntos de vacinación da gripe no marco da campaña que comeza este luns 24 de outubro e se prolongará ata o 23 de decembro. Entre os puntos nos que se subministrará a vacina están os Centros de Atención Primaria e Especializada do Servizo Galego de Saúde; os centros médicos e consultas privadas e as residencias da Terceira Idade, públicas ou privadas. Tamén estará dispoñible a vacina nas Unidades Asistenciais de Drogodependencias, nos centros penitenciarios, nos centros de menores e discapacitados ou nos fogares da 3ª idade, entre outros.
A campaña 2016/17 prolongarase durante 9 semanas, nas que a vacina se ofertará de xeito continuado en tódolos puntos de vacinación, facilitando así a súa organización e o seu óptimo desenvolvemento, favorecendo que poida levarse a cabo de xeito progresivo entre a poboación. Na pasada campaña. a provincia de Lugo, despois da de Ourense, foi a que acadou unha maior taxa de vacinación, con cerca de 81.000 doses consumidas o ano pasado.
A Consellería de Sanidade inviste preto de 1,9 millóns de euros na adquisición de 530.000 doses para a realización desta campaña en Galicia, que ten como obxectivo principal, un ano máis, concienciar dentro dos grupos de risco da importancia de vacinarse, para minimizar o impacto da gripe na saúde, tentando diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do seu padecemento.
Grupos de risco
Como en edicións anteriores a campaña de vacinación diríxese aos maiores de 60 anos, e especialmente aos de máis de 65, e a aquelas persoas que teñen risco de sufrir unha gripe complicada. Neste grupo de risco inclúense os residentes en institución pechadas, as mulleres embarazadas e as persoas que padecen certas enfermidades (enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, renais ou hepáticas; enfermidades neurolóxicas e neuromusculares; enfermidades metábolicas, hemoglobinopatías, anemia, asplenia ou disfunción esplénica; persoas con inmunodepresión ou cancro; persoas con enfermidades ou trastornos con disfunción cognitiva ou inmunodeficiencias; persoas con obesidade mórbida ou pacientes portadores de implantes cocleares ou en espera).