Concello e Deputación esixen ao Ministerio a modernización e mellora do ferrocarril

Os equipos de goberno das dúas institucións levarán esta iniciativa aos plenos ordinarios da vindeira semana, tras coñecer o informe do Eixo Atlántico, no que se pon de manifesto o atraso ferroviario que afecta cidade e á provincia.

Os equipos de goberno do Concello e da Deputación defenderán nos vindeiros Plenos ordinarios de ambas as dúas institucións da vindeira semana, unha proposición na que esixen ao Ministerio de Fomento a modernización e mellora dos servizos ferroviarios en Lugo. Fano tras coñecer o informe do Eixo Atlántico sobre o ferrocarril na provincia deLugo, presentado publicamente a semana pasada e avalado polo catedrático da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez Bugarín, no que se pon de manifesto o atraso ferroviario que afecta á cidade e á provincia, que quedaron fóra do proxecto de modernización deste medio de transporte.

Deste xeito, os gobernos da entidade local e provincial remitirán ao Goberno Central a proposta do Eixo Atlántico, que se basea en impulsar a modernización e mellora dos servizos ferroviarios en Lugo, tanto o que se refire aos servizos de media distancia como aos de longa distancia; así como á modernización tendente a elevar a velocidade de circulación dos trens co obxectivo de reducir de xeito significativo  os tempos de viaxe e mellorar a oferta de transportes, incluíndo a chegada dos servizos de alta velocidade que unirán Galicia con Madrid á provincia de Lugo.

Ademais, solicitarán que a conexión sitúe á cidade como referente ao final do traxecto, nos mesmos tempos de viaxe que Vigo ou A Coruña, tempo previsto ao redor das tres horas e cuarto. Así mesmo, propoñen o desenvolvemento concreto da modernización contida no informe, que consistiría na modernización da liña Lugo-Ourense, para velocidades comprendidas entre os 160 e 220 km/h, cun tempo estimado entre as dúas capitais de 60 minutos, e un custo estimado de 650 millóns de euros, así como integrar os problemas derivados do paso da liña polos núcleos urbanos e a creación dunha estación intermodal na cidade de Lugo.

Con esta proposición, Concello e Deputación pretenden impulsar o desenvolvemento tanto da cidade como da provincia, poñendo en valor o ferrocarril como elemento que cohesione o territorio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com