A Policía Nacional está a investigar o vídeo difundido nas últimas semanas polas redes sociais nas que dous mozos menores de idade pelexan nas proximidades da Muralla alentados por varias ducias de rapaces tamén menores de idade. Os axentes tratan de coñecer así a identidade dos mozos para poñer os feitos en coñecemento da Fiscalía de menores.
Esta mañá referíase a esta cuestión a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen apuntaba que o Concello non é organismo competente para investigar estes sucesos. Con todo, Méndez aclarou que o Goberno local ten despregado un dispositivo especial para velar pola seguridade no centro da cidade e o adarve da Muralla. A rexedora sinalou ademais que o incidente será tratado na Xunta local de seguridade.
“É un tema preocupante e sempre que hai algún tipo de indicio intentamos tratalo de forma paliativa. Co cal é un tema que se tratará para, dunha maneira disuasoria, evitar que non volvamos ter outro altercado na cidade”, concluíu Méndez.