Esta mañá botaba andar no Concello de Lugo a Comisión de seguemento do acordos do Pleno. Trátase dunha xuntanza que terá como obxectivo realizar un seguemento das distintas proposicións aprobadas nas sesións plenarias e que chega entre as críticas da oposición, que vén denunciando o incumprimento de moitas das mocións acordadas pola maioría dos edís da corporación.
Neste sentido, o grupo de Ciudadanos no Concello de Lugo denunciou hoxe a “nula” execución por parte do Goberno municipal dos acordos plenarios aprobados no que vai de mandato. Segundo Ciudadanos, máis de 135 iniciativas dos distintos grupos políticos que mereceron o respaldo maioritario do Pleno seguen sen aplicarse. A voceira de da formación, Olga Louzao, afirma que “a Comisión celebrada hoxe deixou en evidencia as vergoñas deste Goberno inoperante e a desidia da alcaldesa á hora de poñer en marcha moitas destas medidas, o que supón tamén unha falla de respecto e consideración do Goberno municipal en minoría cos grupos da oposición que facemos achegas e propostas que son beneficiosas para o conxunto da cidadanía”.
No mesmo sentido, o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, alertou de que o Goberno local non deu “máis que mínimos pasos” para cumprir 3 das 36 proposicións que, por iniciativa deste grupo político, aprobou o pleno ao longo do último ano e medio. O popular asegura que “é ben triste que haxa que constituír unha comisión para facer seguimento das resolucións do pleno polo desgoberno e o desinterese dos socialistas”
Desde o Goberno local, o voceiro Miguel Fernández destacou o xesto de trasparencia do Goberno Local convocando esta comisión, cuxa norma fundamental é facer cumprir os acordos que se aproben en Pleno. Nesta liña, Fernández asegurou que se debe ter en conta a complexidade, nalgúns casos, de determinadas actuacións que se teñen que levar a cabo para acadar o cumprimento. Así mesmo, fixo fincapé en que o Goberno busca sempre o consenso e a maioría en beneficio dos intereses dos veciños e veciñas.