Lugonovo vén de presentar unha pregunta ao Goberno local para coñecer se, tal e como obriga a lexislación actual, o Concello elabora cada ano un Plan de Control Tributario. A formación presenta esta pregunta raíz do acontecido coa supervisión ás grandes compañías subministradoras, onde “esta vixilancia leva polo menos tres décadas sen efectuarse”. Por este motivo, o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha quere coñecer as materias nas que o Goberno local desenvolveu accións de comprobación e de investigación a nivel fiscal.
“Moito nos tememos que a supervisión municipal no resto dos sectores está a un nivel parello o das eléctricas, é dicir, que brila pola súa ausencia. Sabemos que a escasez de persoal limita o traballo deste servizo, pero 30 anos dan para moito, polo menos unha inspección se podería ter feito nese tempo”. A este respecto, o voceiro aféalle ao Goberno unha importante falta de sensibilidade ao respecto ante o imperativo social de extremar o control para evitar novos casos de fraude.
“Nada se fixo para poñer orde nun corpo que ten como función garantir a xustiza social mediante a equidade fiscal”, sinala Rocha, quen tamén explica que os últimos informes internacionais amosan datos moi preocupantes, extrapolables ás institucións municipais, nos que se recoñece que as perdas de recadación por esta economía sumerxida sitúanse entre o 20 e o 25%.