O Concello destina uns 180.000 euros para deportistas, clubs e entidades sociais

A Xunta de Goberno aprobou este mércores tres liñas de axuda duns 180.000 euros, dúas delas ao deporte, que suman 154.000 euros, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal, e outras a servizos sociais, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral, por 25.500 euros. Así o informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen indicou que se trata das subvencións para clubs, entidades deportivas, axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo e subvencións para asociacións sen ánimo de lucro.

Tal e como explicou Fernández, o Concello destina 130.000 euros para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro. Poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade. A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, entre outros. Serán gastos subvencionables, gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.

Así mesmo, autorizouse a convocatoria de axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo. Para iso, o Concello destina 24.000 euros. Terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1997 e 2002, estar federados nun club do concello e estar empadroados no municipio.

No que se refire a servizos sociais, hai dúas liñas: unha para o desenvolvemento de programas e actividades e outra para mantemento, conservación e pequenas reparacións de infraestruturas. A contía máxima por asociación é de 3.000 euros e serán gastos subvencionables, entre outros, alugamentos, gastos de transportes, vestiario, produtos alimenticios, publicidade ou imprenta.

Todos os interesados en calquera destas tres liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais, para as do deporte, e 15 días hábiles para servizos sociais, contados a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia. Estas tamén se publicarán no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com