Unha granxa de Friol volve ser atacada polos lobos por quinta vez en dous anos

A explotación láctea de Xiá en Friol, que xa sufrira o seu segundo ataque este ano a mediados de setembro, volve a perder un novo animal tralo ataque do lobo esta noite pasada. O sindicato Unións Agrarias lembra que se trata dunha situación típica de ataques reiterados a unha gandería, “que pode poñer en perigo a súa viabilidade económica, e para a cal non existe un protocolo axeitado de actuación que se poda poñer en marcha para solucionar o problema”.

“É obvio que existe nas inmediacións da parroquia de Xiá unha manda de lobos moi habituada a alimentarse de gando doméstico e a actuar a calquera hora en medio das casas, sen importarlle a presenza humana. Que de momento ataca o gando e os cans das casas. Isto esixe unha resposta axeitada por parte da Consellería de Medio Ambiente, quen debería de activar un protocolo de identificación da manda responsable, a súa ubicación, e articular medidas de control que supoñan a caza dos exemplares máis conflitivos”, sinala o sindicato mediante un comunicado.

UUAA lembra que en Asturias cunha poboación de lobos moi inferior á galega, nestes casos, autorízase a caza de máis de 50 lobos ao ano, que lonxe de ameazar a viabilidade da especie, permite controlar a súa agresividade cara o gando doméstico e harmonizar a convivencia coa extensificación do manexo do gando, e reducir a conflitividade no rural. O problema da convivencia co lobo, e a súa conservación e manexo non se vai a arranxar só, nin mirando para outro lado, nin esperando a que os gandeiros marchen do rural, esixe medidas intelixentes e interese en aplicalas.

O sindicato cre ademais que é “indispensable” a axilidade da Consellería do Medio Ambiente no pago das indemnizacións aos gandeiros afectados, que non deberían de pasar do prazo de tres meses entre o ataque e o cobro da axuda.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com