Un vehículo saíuse da vía cando circulaba pola N-540, ao paso pola localidade de Guntín. A causa do impacto, as catro persoas que viaxaban no interior, dous nenos e dúas mulleres, sufriron lesións de diversa consideración e foron atendidos polos profesionais de Urxencias Médicas.
Segundo relatou a persoa que contactou co 112 Galicia, o sinistro produciuse minutos antes das catro desta tarde na estrada que une Lugo con Ourense, concretamente, no lugar coñecido como O Picato. Indicou que o vehículo se saíu da vía e quedou encaixado nunhas pólas. De feito, unha das muller feridas necesitou a axuda dos membros do GES de Monterroso para abandonar o coche.
Unha vez fóra do vehículo, os ocupantes foron atendidos polo equipo médico que se desprazou ao lugar do accidente. Ademais, o persoal do 112 Galicia mandou aviso aos Bombeiros de Lugo e Chantada e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.