O Goberno garante ao Club Kaiak de Foz os 100.000 euros da Deputación para financiar, practicamente na súa totalidade, a construción dun novo hangar de piraguas, que permita a esta entidade deportiva o pleno desenvolvemento das súas labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña. Así o salientou este sábado o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, precisamente, no acto de presentación deste proxecto, no que tamén participaron a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, o Presidente do club, Nacho Romillo, e do Presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García.
Rivera Capón manifestou un “si rotundo a este proxecto”, e destacou que “dende o Goberno da Deputación comprometémonos con facer realidade este proxecto, nunha clara aposta polo deporte como motor de dinamización social e económico da provincia. Por iso, levamos ao Pleno do pasado martes a proposta de aprobación dunha subvención de 100.000 euros ao Club Kaiak de Foz e un anticipo da mesma do 80%. O PP bloqueouna, votando en contra da concesión desta axuda. Con todo, garántovos que este financiamento vai a saír adiante si ou si”.
“Dende o departamento de Deportes iniciamos, xa o mércores, o proceso de revogación do acordo plenario que tombou o PP. Isto permitiranos presentar unha vez máis ao Pleno a nosa proposta para este club. Damos unha segunda oportunidade ao Partido Popular, agardando que actúe con responsabilidade e faga primar o interese colectivo da provincia aos partidistas. Se o Partido Popular non rectifica, dende o Goberno estudaremos todas as vías legais e executarémolas para financiar o proxecto de ampliación destas instalacións, que non van a conseguir boicotear”.
Proxecto necesario
O Deputado destacou que “a necesidade de realizar estas obras vén dada polas graves deficiencias que presenta a instalación actual, na que se acusan os efectos do paso do tempo nun tipo de construción prefabricada e de uso eventual. A súa situación revela un deterioro moi importante dos elementos da estrutura da cuberta, con desgaste do piso e desencaixe do seu panelado, deterioro que non se podería solucionar con actuacións menores de reparación e mantemento”, engadiu.
Rivera Capón explicou así mesmo que “as actuais instalacións non permiten cubrir a demanda de espazo existente dado o elevado número de usuarios desta modalidade deportiva, impedindo deste xeito non só a extensión da práctica deportiva, senón tamén a mellora do rendemento competitivo do club”.
Cómpre destacar que o piragüismo é unha disciplina moi arraigada neste territorio da Mariña. Non en vano, o Club Kaiak de Foz, nado no ano 1983, ten unha importante relevancia social, organizando, ademais, unha das probas máis antigas da comunidade autónoma como é a Travesía de Foz, que vai pola súa 54 edición e coa que tamén decidiu colaborar o Organismo Provincial con 7.000 euros.
Apoio ao piragüismo
A subvención para a construción dun novo hangar en Foz, “enmarcada na aposta do Goberno da Deputación polo pulo ao piragüismo na provincia luguesa, sumase ás axudas de 200.000 euros que este ano se concederon aos 7 clubs desta práctica deportiva que hai na provincia, así como aos 85.000 euros que o Executivo Provincial comprometeu a estas entidades para ao 2017”.
Segundo explicou “este último orzamento é para que sexan os propios clubs os que directamente xestionen a escola de piragüismo de titularidade provincial, para contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como para a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos”.Rematou.