A Directora Xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, asistiu hoxe, xunto coa xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, á VIII Tasca do Liño, organizada pola Asociación de Mulleres San Bartolomeu de Insua e na que se rememora o traballo tradicional e as festas que se organizaban antigamente con motivo das fiadas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia, na parroquia vilalbesa de Insua, este evento que supón ademais unha promoción desta zona da provincia de Lugo. O obxectivo deste tipo de iniciativas, de acordo co Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016, é recuperar e divulgar os oficios artesanais que, pola súa tradición e calidade, forman parte do patrimonio cultural de Galicia.
No programa de actividades da VIII edición da Tasca do Liño recóllense, a maiores da demostración da tasca do liño, unha mesa redonda baixo o título A muller, o liño e o tecido, unha demostración de fiado a cargo da Asociación Cabanas Rural, unha demostración de encaixe coas Palilleiras da Terra Chá, unha exposición de pezas téxtiles antigas e modernas, postos artesáns, un xantar popular e actuacións musicais.