Durante os primeiros minutos de partido o CD Lugo manexaba o balón e os tempos de xogo, ante un rival ordenado, conservador, e co envío longo sobre Salvi como única vía de escape ante a estrutura albivermella. Co control da iniciativa por parte do conxunto local os de Luís César imprimían velocidade no tránsito cara á meta rival. As súas chegadas, sempre perigosas, daban conta dunha defensa rival superada por completo. Unha das mellores opcións para os locais, ía chegar cun envío raso que a punto está Joselu de transformar en gol. A continuación, e de novo en botas de Joselu, chegaría outra oportunidade clara, pero o remate de tacón non atoparía a porta.
A pesar dos intentos do Cádiz CF por chegar á meta de José Juan, os andaluces permanecerían toda a primeira metade a mercé do xogo local, e con altas dificultades para evitar o control con balón que os de Luís César aplicaban en todo momento. Joselu noutra chegada ao segundo pau, e Pedraza, nun bo disparo que detivo Cifuentes con apuros, rozaban un gol que se resistía duramente.
Na segunda metade o CD Lugo movíase pronto, e Iriome facía o seu ingreso en lugar de Carmona para reforzar a banda dereita. Unha vez máis, era Joselu quen, na primeira ocasión, rozaba o tanto cun remate ao primeiro toque a pase de Iriome, aínda que sen fortuna na definición final.
O Cádiz CF trataba de recuperar o terreo perdido e comezaba a adiantar posicións sobre a metade contraria. José Mari probaba de lonxe a un José Juan que sacaba o balón da mesma escuadra, e evitaba unha clara ocasión de gol para os de Cervera.
O ataque lucense seguía insistindo, Pedraza de duro disparo, e Dealbert á saída dun saque de esquina, probaban en senllas ocasións os reflexos dun Cifuentes que se convertía no salvador do seu equipo. O control do encontro pertencía ao CD Lugo, pero non ía ser esta, nin moito menos, a tarde máis afortunada para os locais. Na ocasión máis clara para o Cádiz CF, un balón gañado por Ortuño en disputa con Carlos Hernández, terminaba en pase para Güiza, que prolongaba de sutil toque desde o punto de penalti para a entrada de Álvaro, que batía por baixo a un José Juan que nada puido facer ante o remate.
A última parte do encontro ía provocar a aposta total do CD Lugo, que buscaba o gol do empate, pero a pesar dos esforzos realizados, o cadro albivermello non lograba acertar co marco dun Cádiz CF que vía como o partido se diluía ao seu favor, tras un choque no que as mellores ocasións corresponderon ao equipo local. Co resultado de 0-1 no marcador o CD Lugo despedíase da súa afección, cun amargo sabor de boca e, cunha derrota que deberán esquecer canto antes para buscar os tres puntos na próxima visita ao Tartiere.