Os Bombeiros de Monforte traballan na extinción dun lume que se iniciou nunha palleira, en Santa Leocadia, na parroquia de Amandi, no concello lucense de Sober.
Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. Así o aseguraban os alertantes que chamaron ao CAE 112 Galicia sobre as 11:00 horas desta mañá, para pedir axuda.
Decontado, alertouse aos efectivos do parque comarcal, á Garda Civil e a Protección Civil. Unha vez no lugar, os profesionais de extinción comunicaron ao 112 Galicia que, aínda que o lume está controlado, continúan polo momento coas tarefas de extinción, ao verse tamén afectado o tellado dunha vivenda que había ao seu carón.