O voceiro municipal, Miguel Fernández, fixo este luns un chamamento á implicación activa dos lucenses na campaña do Concello contra as pelexas xuvenís, Chamar ao 092, o teu mellor golpe!. Neste senso, convidou a toda a veciñanza a facerense unha foto co cartel e subila ás redes sociais co hastag #NonÁViolencia, un dos medios escollidos para difundir esta iniciativa.
Ademais, o Concello levou aos institutos de Lugo e ás dependencias municipais esta campaña informativa, repartindo folletos e carteis nos que se anima a chamar ao teléfono 092 da Policía Local, de xeito anónimo, para comunicar o coñecemento de que se poidan producir este tipo de feitos e denuncialos ante as forzas de seguridade, de xeito anónimo, co fin de paliar e atallar esta problemática.
A campaña, posta en marcha o venres, busca concienciar aos mozos e mozas contra este tipo de prácticas, ante os últimos feitos acontecidos na cidade, e trata de de darlle a maior difusión posible ao teléfono 092 da Policía Local, como recurso para previr esta práctica.
O Goberno, sensibilizado e non alleo a estes feitos “desagradables e que preocupan á cidadanía”, ademais de reforzar a vixilancia no casco histórico e na contorna do adarve da Muralla, considera imprescindible un labor de concienciación “no que tanto as familias, centros educativos como as administracións temos responsabilidade”.