Un home resultou ferido esta tarde no concello lucense de Castro de Rei mentres manipulaba unha motoserra. A vítima recibiu un corte na cabeza. Os feitos tiveron lugar na Cruz, na parroquia de Santa Locaia.
No 112 Galicia non hai constancia de que se trate dun accidente laboral, senón que todo apunta a que o home estaba a facer traballos nunha propiedade de seu.
A vítima achegouse ata unha estación de servizo próxima para pedir axuda. Foron, precisamente, os empregados da gasolineira os que contactaron co 112 Galicia ás 17:30 horas. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Médicas.