Lugonovo pídelle ao Goberno local que elabore unha ordenanza para que as operadores de telefonía paguen polo aproveitamento especial que fan da vía pública. O voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha, considera que a ausencia dunha regulamentación clara ao respecto “serviu para que o Concello de Lugo desbotara hai anos a idea de cobrarlles a estas empresas unha taxa polo uso que fan do dominio público”. Sen embargo, Rocha lembra que “agora mesmo xa existe unha xurisprudencia que respalda aos municipios no seu dereito a esixir tal pago”.
O portavoz da formación refírese ás sentenzas do 12 de Xullo de 2012 do Tribunal de Xustiza da Unión Europa, da do 20 de Maio de 2016 do Tribunal Supremo e tamén do auto do 30 de Xaneiro de 2014 do Tribunal de Xustiza de Luxemburgo nas que queda lexitimada a potestade das administracións locais para someter a gravame, mediante a creación dunha Ordenanza, a aquelas subministradoras que sexan titulares de instalacións que ocupan a superficie pública.
“Pedímoslle ao executivo que abandone a comodidade e que bote man deste recurso legal para obrigalas a contribuír cos impostos locais. É de xustiza social que revirta na cidade parte do lucro que as grandes compañías obteñen por dispoñer do espazo de todos e todas para colocar as infraestruturas necesarias para o seu beneficio”, sinala Fernández Rocha.