Un home de nacionalidade francesa perdeuse na tardiña de onte nun monte entre Galicia e Asturias. Tiña o seu vehículo avariado e descoñecía a súa localización. As coordenadas situábano ás 19:30 horas no concello da Fonsagrada, concretamente, no lugar da Allonquiña, a escasa distancia de La Coba, xa en territorio asturiano.
Decontado, o persoal do CAE 112 Galicia pediu a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada, Bombeiros de Sarria, axentes de Garda Civil e 112 Asturias. Dúas horas e media máis tarde, os servizos de rescate asturianos deron co paradoiro do francés e trasladárono á localidade máis próxima en perfecto estado de saúde.
Pola contra, o vehículo avariado quedou no monte á espera de que o retirase un guindastre coa luz do día.