O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denuncia que o Concello de Lugo está exposto a ter que devolver como mínimo 1,6 millóns de euros do importe das multas de tráfico recadadas pola Policía local “por un nomeamento chapuza da alcaldesa”.
Castiñeira refírese así á intención expresada polo sindicato CSIF de levar aos tribunais o nomeamento dunha auxiliar de Policía para instruír os expedientes sancionadores en materia de tráfico até a reincorporación ou xubilación do inspector titular nese posto. Segundo o CSIF, este decreto asinado pola alcaldesa de Lugo é unha “aberración xurídica”, ao entender que ditas funcións encomendadas a esta auxiliar son propias dunha categoría superior.
Por este motivo, Jaime Castiñeira insta á alcaldesa a “adoptar medidas urxentes” para evitar que “os 1,6 millóns de euros que a día de hoxe están no aire continúen medrando e disparándose”, en referencia a media de recadación polas sancións de tráfico dos oito meses que transcorreron dende ese nomeamento (provisionalmente o 7 de marzo de 2016 e definitivo ao longo do verán).
“Os antecedentes demostran que hai moitísimas posibilidades de que o recurso do sindicato prospere e, dese xeito, que acabe anulándose todos os procesos de instrución nos que participou esta persoa”, explica o voceiro popular, quen puntualiza que “non dubidamos, nin moito menos, da súa capacidade para asumir o posto, pero o certo é que non conta coa titulación requerida (grupo A1 ou A2) para poder desempeñar legalmente estas funcións”.