A Fundación TIC continúa o seu labor de achegar as novas tecnoloxías á sociedade lucense e de amosar, a través de visitas didácticas, o traballo que desenvolve un medio audiovisual e, máis en concreto, esta entidade dependente da Deputación. Dentro deste programa de visitas, especialmente dirixido a alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria da provincia, participou este xoves un grupo de 30 maiores usuarios dos obradoiros InLugo.
O grupo percorreu os distintos departamentos do centro para coñecer por dentro o funcionamento dos distintos departamentos dun medio audiovisual. Ademais, os participantes coñeceron de primeira man todo o proceso para a realización dun programa de televisión e presentaron un TICodiario, un informativo que inclúe noticias reais. Tras rematar a experiencia, cada participante recibiu un USB cunha copia do programa como recordo da visita. A páxina web da Fundación TIC, www.fundaciontic.org, recolle os vídeos de todas as visitas e máis dun centenar de programas gravados dende que comezou o TICodiario.
Un programa con éxito
Máis de 1.300 estudantes de 52 centros educativos da provincia e dalgún Concello limítrofe como As Pontes ou Melide, participaron durante o pasado curso nestas visitas á TIC. Esta nova tempada conta xa con preto de 40 centros educativos inscritos.
Os centros interesados en participar nesta iniciativa poden apuntarse na sede da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, a carón do antigo hospital San José, ou chamar ao número de teléfono 982 284 667.