O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, avanzou que o Goberno da Deputación adiantou aos Concellos de menos de 20.000 habitantes un millón de euros, orzamento ingresado xa nas arcas municipais, para a posta en marcha das melloras que o Executivo Provincial levou a cabo no Servizo a Domicilio. Estas axudas supoñen a mellora da atención dos 1.800 maiores de 66 municipios que actualmente se benefician desta prestación social ou o incremento no número de usuarios a través da contratación de novos asistentes.
Asegurouno esta mañá Campos tras manter un encontro con Dorinda Vidarte, unha veciña de Lourenzá de 95 anos, usuaria do Servizo a Domicilio, que neste municipio finanza a Deputación a un total de 25 maiores. Campos Conde estivo acompañado pola Alcaldesa, Rocío López García, o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, así como da traballadora social que presta atención a Dorinda.
Neste senso, a alcaldesa subliñou que este ano Lourenzá recibiu da Deputación o triplo de fondos para o Servizo a Domicilio, precisamente, debido a algunhas das melloras aplicadas por Campos Conde: por primeira vez o 100% dos custos son asumido polo organismo provincial e a distribución de fondos por Concello fíxose en base a novos criterios totalmente obxectivos. López García destacou que “isto permitiranos mellorar a atención que prestamos a 25 maiores do noso Concello”.
O Servizo a Domicilio é a prestación social para maiores que o Executivo de Campos Conde decidiu financiar na súa totalidade dende o organismo provincial para aliviar aos Concellos de menos de 20.000 habitantes (que son 66) do 30% que tiñan que achegar despois de que a Xunta de Feijóo acordase, unilateralmente, deixalos sen orzamento autonómico algún para atender a maiores do rural lugués.