A residencia de Aspnais no antigo hospital San José estará lista en 14 meses. Así o avanzou esta mañá o presidente da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo, José Reigosa, que sinalou que as obras de transformación do antigo hospital na nova sede da asociación avanzan “a un ritmo trapidante”. De feito, dende que se puxeron en marcha os traballos no mes de agosto levouse a cabo o 30% do proxecto. Isto fai prever que se cumpra o prazo, “e ata que se reduza, senón hai problemas”, o seu período de execución, que é de 14 meses.
Canda Reigosa, esta mañá o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Vicepresidente, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Presidente de ASPNAIS, José Reigosa, comprobaron in situ o avance dos traballos. Trátase dos representantas das principais institucións colaboradoras con esta iniciativa, pois o organismo provincial cedeu gratuitamente estas instalacións, dándolles un uso público e social; e a entidade luguesa financiou con 130.000 euros o proxecto.
O Presidente de ASPNAIS subliñou que o traslado ao San José vai a supor que este colectivo social non só unifique os seus servizos, senón que ademais o duplique, pois gana un novo espazo de 10.000 metros cadrados. Poderán atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia, ofrecer 5 apartamentos para as familias, así como incrementar ata entre 65 e 70 as prazas residenciais. Neste senso, Reigosa explicou que “é necesaria” a implicación da Xunta de Galicia a través da concesión de prazas públicas para garantir a todas as persoas o acceso ás mesmas, xa que isto conleva reducir o seu custo nun 75%.
Campos remarcou que “é un pracer ver como marchan a bo ritmo estas obras; ser testemuña de como se está facendo realidade este grande proxecto social polo que apostamos, dende o primeiro momento, Deputación, Concello de Lugo, e, por suposto, ASPNAIS; comprobar como un edificio da Deputación, que en definitiva é de todos os lucenses, vai a ter un verdadeiro uso público e social da man de ASPNAIS, poñendo en valor o patrimonio provincial. Parabéns a todos por este magnífica idea”.
Lara Méndez definiu a obra do San José como “un antes e un despois na traxectoria de ASPNAIS” e puxo en valor a “grande labor de inclusión social que leva realizando ao longo de cinco décadas”. A Rexedora, que felicitou á asociación polo seu 50 aniversario, fixo fincapé na vocación social deste colectivo, “que o Concello comparte, e así o demostra, dedicando o 21% do seu orzamento, uns 19 millóns de euros, ao benestar e á inclusión social”.