Unha semana despois da formación do novo Goberno de España, este goberno xa non é noticia. Xa non se fala se é continuista ou non, se hai paridade no número de homes e mulleres, se vai dar aprobado o presuposto… a eses efectos, volvemos á normalidade. Caducou como noticia no momento en que houbo a seguridade de que, polo de agora, non haberá unhas terceiras eleccións.
Sucedeu na actualidade a este Goberno o goberno autonómico de Galicia, do que xa temos Presidente, e só falta que Núñez Feijóo degrane os nomes de conselleiros e conselleiras que o van acompañar no exercicio do poder.
Co nomeamento destes dous gobernos, deberíamos estar politicamente tranquilos, pero a tranquilidade rachouse coa noticia non agardada da elección de Donald Trump como Presidente dos Estados Unidos, cando todo o mundo, incluso ela, contaba que se elixise a primeira muller presidenta da historia, na persoa de Hillary Clinton.
Que nos afecte a elección dun ou doutro candidato para a Presidencia do Estado máis poderoso da terra, está moi claro por ser os Estados Unidos de Norte América un excelente cliente para os produtos españois, destino turístico ou de traballo, obrigado aliado da Unión Europea… e o triunfo dun estrambótico candidato coma este, ao que xa se compara con Jesús Gil, pode potenciar os movementos ultra dereitistas e antisistema e alterar o equilibrio ata agora vixente.
O caso é que preocupou e moito esta elección, que pode facer cambiar da noite para a maña as relacións exteriores, o equilibrio político, as perspectivas económicas… a fin de contas cada vez dependemos máis do que pasa –efecto mariposa- en calquera lugar do mundo.
Isto é un sen vivir… A ver se imos tranquilizándonos, que ben nos merecemos un respiro en tanto axetreo socio-económico político, no que non temos máis papel ca o de sufrir con paciencia cristiá.