Lugonovo denuncia que o Goberno local aínda non deu as cifras oficiais do San Froilán cando hai un mes que concluíron as festas patronais. A edil de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, lémbralle á concelleira de Cultura que debe presentar as cifras oficiais das festas e que a paciencia da oposición, agardando a que o faga, “comeza a esgotarse”.
“O prazo de cortesía xa rematou. Trinta días parécennos máis que suficientes para reunir toda a documentación e compartila co resto da Corporación. Non é de recibo que puntualmente se den a coñecer outros datos relativos ao seu departamento, como o número de visitas que tiveron os museos da cidade e, en cambio, aínda non estea dispoñible a información relativa aos gastos e beneficios que orixinaron as celebracións”, critica Pérez Herráiz.
O balance dos festexos é fundamental, segundo o Grupo Municipal, para avaliar como se investiron os cartos públicos, se resultaron produtivos ou se convén corrixir algunha partida. “Debemos traballar sempre coa intención de mellorar a edición anterior e de sacarlle máis rendementos aos recursos empregados. Cremos que algúns aspectos, como, por exemplo, a páxina web específica do evento, merecen unha revisión e que o mesmo que se recollen os méritos hai que estar disposto a asumir a responsabilidade daquelo no que non se cumpriron as expectativas”, explica a edil da formación.
Por iso, “vendo que a concelleira correspondente non toma a iniciativa, dende Lugonovo sentímonos na obriga de convidala a que o faga, pedindo a súa comparecencia nunha nova reunión da Comisión de Festas – conclúe Cristina Pérez Herráiz – se os deberes están feitos, non terá inconvinte en ofrecer explicacións”.